Vitalidade lingüística e amparo institucional

Desde posturas lingüicidas, tense espallado a falaz idea de que as linguas minorizadas polos Estados centralistas non precisan amparo das institucións, que os falantes non estamos condicionados á hora de manter ou non o idioma e que calquera medida legal de protección é unha imposición. Para decatarse de que iso é totalmente falso non fai falta ser moi intelixente, abonda con comparar. Así, por exemplo, hai 155 leis, decretos e ordes que regulan (impoñen) a presenza do castelán no mundo empresarial. E, por certo, ningunha para o galego.
Os países con linguas minorizadas e con gobernos que responden ás demandas das súas comunidades lingüísticas van desenvolvendo medidas reguladoras que permitan avanzar na normalización. Puidemos ler esta mesma semana que a futura Lei de cine de Cataluña establecerá que as grandes distribuidoras terán que estrear o 50 por cento das películas estranxeiras en catalán, ben sexa dobradas ben subtituladas. Unha medida parella á Lei estatal de protección do cinema europeo.
Ao norte de Cataluña, pola contra, a lingua occitana nin sequera é recoñecida polo Estado francés como lingua cooficial no seu territorio. Nesa situación, imposta durante séculos, ningunha lingua pode evitar sufrir un proceso de substitución lingüística. Malia iso, o pobo occitano mantén a conciencia do valor da súa lingua e tamén esta semana tivo lugar unha manifestación multitudinaria para reclamar a oficialidade e a presenza no ensino e nos medios da lingua occitana. Sen que faltase a vitalidade festiva.
Neste mapa cronolóxico do sudoeste de Europa, pode apreciarse moi ben a función determinante dos factores políticos na situación das linguas.

NOTA: a situación do occitano é ben distinta da que goza unha variante súa, o aranés, falada e recoñecida en Cataluña.




