Crédito da imaxe
A recente marcha a favor da normalización do galego, que tivo lugar en Santiago de Compostela, foi un verdadeiro éxito. Os alí presentes atrevéronse, mesmo, a comparala coa histórica marcha do Nunca Máis, de hai xa uns cantos anos. E, probablemente, non esaxeren moito.
Non obstante, a repercusión mediática deste acontecemento non foi, nin de lonxe, a que seguiu á manifestación pola catástrofe do Prestige. Os medios nacionais apenas lle dedicaron escasos minutos televisivos. Ou mesmo nada. Todos os berros da xente caeron, finalmente, en saco roto.
Os xornais, por outra banda, si que se preocuparon de informar sobre este acto. Porén, naqueles xornais con ideoloxías máis conservadoras a subxectividade dos seus "xornalistas" envelenou todo artigo publicado. Falouse, entón de "manifestación en contra do goberno", "en contra de Feijoo" ou "en contra do castelán". A marcha pola defensa da lingua, do noso, converteuse para eles nun dardo contra o goberno popular galego. Xa abonda de politizalo todo. Xa abonda de parvadas. Aínda que si é verdade que a política lingüística do PP en Galicia está moi lonxe de gustarlle aos que estiveron presentes na marcha, esta era a favor da lingua e non en contra de ninguén. Por outra, non é estraño que o goberno da Xunta se sinta atacado, pois todas as manifestacións multitudinarias en Galicia tiveron lugar con gobernos populares. Isto dá que pensar. Moito.
Asistimos entón (e outra vez) á vergoñenta manipulación da información, levada a cabo por uns medios de "des-comunicación" que unicamente tratan de enganar a poboación. É patético ver como se terxiversa a realidade para radicalizar calquera acontecemento en favor da lingua. A tarefa dos medios de comunicación é presentar a información intentando aproximala á realidade ao máximo posible. Sen enganar nin manipular.
MARTÍN GIRÓN (2º BAC)
Relacionada: Co galego hai máis futuro