Unha fonte de riqueza

As entrevistas que está a publicar o diario A Nosa Terra a empresarios e expertos en Economía, enfocando o uso da lingua por parte das empresas, conteñen declaracións que debuxan a realidade sociolingüística neste sector e axudan a desmontar tanto tópico e prexuízo non superados. Velaquí unha escolma.

FRANCISCO SANXIAO (profesor de Economía Aplicada na USC):

Por que é unha fonte de riqueza (a lingua)?

Porque lle dá valor engadido ao noso sistema produtivo. Se usamos acotío o galego farémolo rendíbel porque as diferentes empresas terán que axeitarse á nosa cultura para poder vender; porque ese valor engadido que dá o galego non se pode reproducir noutro lugar. Por poñer un exemplo, se esiximos que nos atendan en galego no teléfono de atención ao cliente dun provedor de servizos, caso da enerxía ou a internet, por exemplo, estaremos obrigando a esas empresas a contratar galegos. Traballar en galego é un bo remedio para a deslocalización e o dumping social.

É común ouvirlles a algúns empresarios que o uso do galego pecha fronteiras.

Esa frase é unha inercia. Acéptase porque non se reflexiona sobre o que significa en realidade. A realidade é xustamente a contraria. Determinados produtos propiamente galegos seguro que terían maior mercado se fosen rotulados tamén en galego, caso das conservas ou os produtos agrícolas de calidade porque o mercado español identifica a Galiza con esa industria e prefírea á proveniente doutros lugares.

PAULO RODRÍGUEZ (director do departamento de Comunicación de Dinahosting)

A comunicación interna e documentos de Dinahosting redáctanse en galego?

A lingua principal na empresa é o galego e as comunicacións públicas se teñen como público receptor ou destino Galiza facémolas en galego. Depende do destino das mensaxes. Pero a nivel interno todos os papeis, documentación e sinaléctica están escritos en galego.

Animaría outras empresas a falar e vender en galego?

Para nós é inconcibíbel manter unha relación diaria cos nosos clientes nun idioma diferente ao que utilizan habitualmente. O primeiro paso para chegar e contactar co cliente é falar na súa lingua porque, fundamentalmente facilita a comunicación e crea unha afinidade co noso proxecto.

É o galego unha lingua apta para o mundo empresarial?

Entendemos que na globalización para acceder aos contidos é fundamental aprender e innovar, pero tamén temos claro que para vender máis aló das nosas fronteiras o máis difícil no mercado é identificar o produto de cada quen no mercado. E nós temos no galego un valor diferencial e identificativo, un valor en si mesmo que ten unha finalidade no mercado e que moitas veces se perde de vista e non se ten en conta: o galego serve como elemento diferenciador na globalización.

XURXO GONZÁLEZ (xerente de Viveiros Adoa)

Ten vantaxes ou inconvenientes usar o galego no traballo?

Penso que hai que romper co bulo de que se falamos en galego de cara ao público se perden clientes. En todos estes anos, e xa van case vinte, nós non tivemos ningún tipo de problemas neste sentido nin perdemos ningún cliente por este tema. Traballamos con todo tipo de público, empresas e institucións, e podo asegurar que o que a xente busca en nós é a profesionais que lle fagan ben as cousas e para iso o galego nunca supuxo un atranco.

Animaría a outros empresarios a traballar en galego?

Si. Non crer na lingua materna como vehículo de comunicación empresarial e laboral é unha escusa como outra calquera para non apostar por ela no eido profesional. En 20 anos que levo neste negocio nunca tiven ningún incidente. A xente busca un servizo, que a atendan correctamente e que lle vendan un bo produto. Deberiamos de quitar eses prexuízos que temos as persoas, porque a lingua non ten ningún, eses falsos temores para expresarnos en galego, que é o normal. O galego ten que estar na rúa, en toda a sociedade non só a nivel político, sindical e administrativo.

XOSÉ LUÍS ANTELO (xerente de Cárnicas Antelo)

Dende cando presentan ao público os seus produtos en galego?

Unha das premisas do noso negocio é que todo o que vendemos sexa galego, non só as carnes, que proveñen de animais que criamos nós, senón tamén os viños, queixos e demais. Non tería moito sentido vender cousas de aquí noutra lingua. Dende hai un tempo esforzámonos en mostrar as etiquetas, cuñas na radio, a páxina web da nosa carnicería e a publicidade escrita en galego.

PACO TEIRA (xerente de Ben Boa)

Por que tomaron a decisión de saír ao mercado en galego?

Tivémolo claro sempre. Pensamos que non tiña por que venderse mal o produto en galego. Os catro socios que diriximos a empresa somos amigos e galegofalantes e pensamos que non tiña sentido vender un produto galego, inspirado na cociña tradicional das nosas nais e avoas, noutro idioma. Nas partidas que enviamos fóra de Galiza incluímos os datos do rexistro sanitario en castelán, na denominada como letra pequena, pero nada máis. Foi unha decisión tomada por convicción, mercadotecnia e ideoloxía.

É vantaxoso etiquetar na nosa lingua?

O produto gusta. Levamos no mercado dende o outono e a comercialización é lenta pero está tendo bos resultados. De feito no Fórum Gastronómico acadamos o Premio ao Produto Máis Innovador e fixemos moitos contactos comerciais.

Animaría a outras empresas a sumarse ao galego?

Si. É unha pena que haxa tan poucas empresas que aposten pola nosa lingua. Entendo que deberiamos poñer máis da nosa parte para que o galego estivese presente no día a día. O galego vende: nós non deixamos de vender por non etiquetar en castelán. A etiquetaxe en galego asóciase a produtos de calidade feitos a partir de materia prima óptima da nosa terra.

FRANCISCO NÓVOA (director xeral de Academia Postal)

Por que tomou esta decisión a empresa?

A decisión foi moi fácil. Estamos en Galiza, temos un patrimonio especial, a nosa propia lingua, que podemos compaxinar co castelán. Isto é motivo suficiente para o seu uso. Academia Postal decidiu empregar o galego en todos aqueles ámbitos que lle sexa posíbel porque quere contribuír ao proceso de recuperación da lingua galega en todos os seus usos, orais e escritos: temarios, exercicios, conferencias, publicidade, etc. O noso desexo é continuar co labor de dignificación do idioma galego e a divulgación da cultura galega, para que chegue ao maior número posíbel de persoas.

Que vantaxes supón usar o galego a nivel empresarial?

As vantaxes son as mesmas que as de empregar o castelán. Pero entendemos que usar o galego no noso labor ten un valor engadido e identificador dun pobo e da súa riqueza por ter unha lingua propia. Para min é unha satisfacción persoal poder defender a nosa lingua.

EMILIO ESTÉVEZ (director xerente de Coplant)

Dende cando etiquetan en galego as súas plantas?

Como empresa sempre tivemos clara a nosa vocación exportadora pero tamén o concepto cultural e as nosas orixes. Etiquetamos en galego por convicción e por mercadotecnia. Temos unha responsabilidade coa nosa terra e cremos, por convicción e coherencia, que en Galiza hai que vender en galego. En canto á mercadotecnia, sabemos que Galiza vende, e a nós resúltanos conveniente vender a marca Galicia porque funciona nos mercados de fóra.

Supuxo a inclusión do galego algún problema?

O único inconveniente foi o espazo. As etiquetas teñen un tamaño pequeno e no seu momento tivemos que decidirnos polo galego ou o holandés e alemán e, ao final, arriscámonos e optamos pola nosa lingua sabendo que ao non ter os textos en holandés chegaríamos a menos clientes, pero non nos arrepentimos. Saímos gañando pola aceptación que temos no mercado estatal.

CASIÁN GARCÍA (director xerente de Celtic Stores)

Por que tomaron esta decisión?

O galego é a nosa lingua de comunicación e o natural era falarmos nela. Vivimos nunha contradición. O galego é idioma cooficial recoñecido polo Estado e deberían existir unhas regras de xogo equilibradas, nas que o uso do galego non supuxera problemas.

Animaría a outros xerentes a dar o paso cara á nosa lingua?

Si. Temos que ser conscientes de que o problema non é o idioma, senón a calidade, que é o que vai limitar o mercado do produto. A calidade, o valor engadido, o deseño e acabado final é o que vai poñer límites ao produto no mercado, non o idioma no que se presente.

Ten vantaxes etiquetar en galego?

Penso que si. É indubidábel que sectores como o do viño apostaron polo galego e obtiveron un importante éxito. A imaxe que Galiza ten fóra é moi positiva: o galego ten un importante crédito como persoa seria e responsábel e presentar os nosos produtos en galego é o natural.

XOSÉ L. LAMAZARES (coordinador de Daveiga)

Por que tomaron esta decisión?

Forma parte da filosofía da empresa de defensa do local dende o punto de vista económico e cultural. Na nosa comunicación o galego sempre está presente, tamén no noso blog e na nosa web. Os nosos correos comerciais, as tarifas e o catálogo están editados en galego e castelán e utilizamolos dependendo da orixe do cliente. O noso mercado é sobre todo peninsular e o galego, o portugués e o castelán son os idiomas que máis usamos no noso día a día.

Utilizar o galego a nivel empresarial ten vantaxes?

Dende o punto de vista económico non teño datos que revelen que á empresa lle prexudica vender en galego. Inconvenientes tampouco os vexo. Non hai escusa nin inconvenientes para non etiquetar en galego. Nós pensamos que coa nosa lingua fidelizamos os nosos consumidores.

Animaría a outros empresarios a usar o galego?

Si. O galego é unha maneira de identificar o produto con Galiza e de presentarse no mercado exterior con identidade e personalidade. E a lingua é unha das ferramentas que mellor transmite eses aspectos.

AMARO GARCÍA (socio de Repara Lar)

A súa é unha empresa de recente creación. Por que apostou polo galego?

O galego está en desuso e o Goberno non aposta polo seu fomento no ámbito cotián e no funcionamento interno das empresas. Cando os meus dous socios máis eu creamos esta empresa pensamos en poñerlle o nome e facer toda a súa publicidade, rotulación, facturas e tarxetas de visita na nosa lingua para diferenciarnos. Non había ningunha empresa da competencia que se presentase ao público en galego e nós optamos por facelo para que a xente nos recoñecese mellor.

Animaría a outros emprendedores a ofertarse en galego?

Si. Debería haber máis empresas falando en galego. En Catalunya, por exemplo, o uso do catalán no comercio e na empresa ten outro peso loxístico que nós non temos en Galiza. Faría falta un pouco máis de esforzo e incentivos por parte da Administración para que o galego se normalice nestes eidos, para que polo menos se dea o bilingüismo entre o galego e castelán.

XOSÉ LOIS VILAR (xerente de Fruitas Vilar)

Por que tomou esta decisión?

Non ten explicación. É algo natural. Chámome Xosé Lois Vilar Pedreira e sempre falei en galego. O anormal é o que vivimos. Son galegofalante de toda a vida, e, aínda que poida sorprender, estudei a EXB facendo os exames en galego e falando a miña lingua… Son consciente de que en 1986 esta decisión chocou pero ao mellor, dada a situación na que nos atopamos, estraña máis agora que unha empresa decida venderse en galego que daquela.

Que dificultades tivo para galeguizar Fruitas Vilar?

Cando en 1992 quixemos facer a escritura da sociedade en galego todo eran problemas e tiven que ir a Lalín a escriturar. Para o corpo notarial e de avogados pedir que a túa documentación se escriba na túa lingua é un problemón… Está claro que a desigualdade idiomática é unha realidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp