Unha fonte de riqueza

As entrevistas que está a publicar o diario A Nosa Terra a empresarios e expertos en Economía, enfocando o uso da lingua por parte das empresas, conteñen declaracións que debuxan a realidade sociolingüística neste sector e axudan a desmontar tanto tópico e prexuízo non superados. Velaquí unha escolma.

FRANCISCO SANXIAO (profesor de Economía Aplicada na USC):

Por que é unha fonte de riqueza (a lingua)?

Porque lle dá valor engadido ao noso sistema produtivo. Se usamos acotío o galego farémolo rendíbel porque as diferentes empresas terán que axeitarse á nosa cultura para poder vender; porque ese valor engadido que dá o galego non se pode reproducir noutro lugar. Por poñer un exemplo, se esiximos que nos atendan en galego no teléfono de atención ao cliente dun provedor de servizos, caso da enerxía ou a internet, por exemplo, estaremos obrigando a esas empresas a contratar galegos. Traballar en galego é un bo remedio para a deslocalización e o dumping social.

É común ouvirlles a algúns empresarios que o uso do galego pecha fronteiras.

Esa frase é unha inercia. Acéptase porque non se reflexiona sobre o que significa en realidade. A realidade é xustamente a contraria. Determinados produtos propiamente galegos seguro que terían maior mercado se fosen rotulados tamén en galego, caso das conservas ou os produtos agrícolas de calidade porque o mercado español identifica a Galiza con esa industria e prefírea á proveniente doutros lugares.

PAULO RODRÍGUEZ (director do departamento de Comunicación de Dinahosting)

A comunicación interna e documentos de Dinahosting redáctanse en galego?

A lingua principal na empresa é o galego e as comunicacións públicas se teñen como público receptor ou destino Galiza facémolas en galego. Depende do destino das mensaxes. Pero a nivel interno todos os papeis, documentación e sinaléctica están escritos en galego.

Animaría outras empresas a falar e vender en galego?

Para nós é inconcibíbel manter unha relación diaria cos nosos clientes nun idioma diferente ao que utilizan habitualmente. O primeiro paso para chegar e contactar co cliente é falar na súa lingua porque, fundamentalmente facilita a comunicación e crea unha afinidade co noso proxecto.

É o galego unha lingua apta para o mundo empresarial?

Entendemos que na globalización para acceder aos contidos é fundamental aprender e innovar, pero tamén temos claro que para vender máis aló das nosas fronteiras o máis difícil no mercado é identificar o produto de cada quen no mercado. E nós temos no galego un valor diferencial e identificativo, un valor en si mesmo que ten unha finalidade no mercado e que moitas veces se perde de vista e non se ten en conta: o galego serve como elemento diferenciador na globalización.

XURXO GONZÁLEZ (xerente de Viveiros Adoa)

Ten vantaxes ou inconvenientes usar o galego no traballo?

Penso que hai que romper co bulo de que se falamos en galego de cara ao público se perden clientes. En todos estes anos, e xa van case vinte, nós non tivemos ningún tipo de problemas neste sentido nin perdemos ningún cliente por este tema. Traballamos con todo tipo de público, empresas e institucións, e podo asegurar que o que a xente busca en nós é a profesionais que lle fagan ben as cousas e para iso o galego nunca supuxo un atranco.

Animaría a outros empresarios a traballar en galego?

Si. Non crer na lingua materna como vehículo de comunicación empresarial e laboral é unha escusa como outra calquera para non apostar por ela no eido profesional. En 20 anos que levo neste negocio nunca tiven ningún incidente. A xente busca un servizo, que a atendan correctamente e que lle vendan un bo produto. Deberiamos de quitar eses prexuízos que temos as persoas, porque a lingua non ten ningún, eses falsos temores para expresarnos en galego, que é o normal. O galego ten que estar na rúa, en toda a sociedade non só a nivel político, sindical e administrativo.

XOSÉ LUÍS ANTELO (xerente de Cárnicas Antelo)

Dende cando presentan ao público os seus produtos en galego?

Unha das premisas do noso negocio é que todo o que vendemos sexa galego, non só as carnes, que proveñen de animais que criamos nós, senón tamén os viños, queixos e demais. Non tería moito sentido vender cousas de aquí noutra lingua. Dende hai un tempo esforzámonos en mostrar as etiquetas, cuñas na radio, a páxina web da nosa carnicería e a publicidade escrita en galego.

PACO TEIRA (xerente de Ben Boa)

Por que tomaron a decisión de saír ao mercado en galego?

Tivémolo claro sempre. Pensamos que non tiña por que venderse mal o produto en galego. Os catro socios que diriximos a empresa somos amigos e galegofalantes e pensamos que non tiña sentido vender un produto galego, inspirado na cociña tradicional das nosas nais e avoas, noutro idioma. Nas partidas que enviamos fóra de Galiza incluímos os datos do rexistro sanitario en castelán, na denominada como letra pequena, pero nada máis. Foi unha decisión tomada por convicción, mercadotecnia e ideoloxía.

É vantaxoso etiquetar na nosa lingua?

O produto gusta. Levamos no mercado dende o outono e a comercialización é lenta pero está tendo bos resultados. De feito no Fórum Gastronómico acadamos o Premio ao Produto Máis Innovador e fixemos moitos contactos comerciais.

Animaría a outras empresas a sumarse ao galego?

Si. É unha pena que haxa tan poucas empresas que aposten pola nosa lingua. Entendo que deberiamos poñer máis da nosa parte para que o galego estivese presente no día a día. O galego vende: nós non deixamos de vender por non etiquetar en castelán. A etiquetaxe en galego asóciase a produtos de calidade feitos a partir de materia prima óptima da nosa terra.

FRANCISCO NÓVOA (director xeral de Academia Postal)

Por que tomou esta decisión a empresa?

A decisión foi moi fácil. Estamos en Galiza, temos un patrimonio especial, a nosa propia lingua, que podemos compaxinar co castelán. Isto é motivo suficiente para o seu uso. Academia Postal decidiu empregar o galego en todos aqueles ámbitos que lle sexa posíbel porque quere contribuír ao proceso de recuperación da lingua galega en todos os seus usos, orais e escritos: temarios, exercicios, conferencias, publicidade, etc. O noso desexo é continuar co labor de dignificación do idioma galego e a divulgación da cultura galega, para que chegue ao maior número posíbel de persoas.

Que vantaxes supón usar o galego a nivel empresarial?

As vantaxes son as mesmas que as de empregar o castelán. Pero entendemos que usar o galego no noso labor ten un valor engadido e identificador dun pobo e da súa riqueza por ter unha lingua propia. Para min é unha satisfacción persoal poder defender a nosa lingua.

EMILIO ESTÉVEZ (director xerente de Coplant)

Dende cando etiquetan en galego as súas plantas?

Como empresa sempre tivemos clara a nosa vocación exportadora pero tamén o concepto cultural e as nosas orixes. Etiquetamos en galego por convicción e por mercadotecnia. Temos unha responsabilidade coa nosa terra e cremos, por convicción e coherencia, que en Galiza hai que vender en galego. En canto á mercadotecnia, sabemos que Galiza vende, e a nós resúltanos conveniente vender a marca Galicia porque funciona nos mercados de fóra.

Supuxo a inclusión do galego algún problema?

O único inconveniente foi o espazo. As etiquetas teñen un tamaño pequeno e no seu momento tivemos que decidirnos polo galego ou o holandés e alemán e, ao final, arriscámonos e optamos pola nosa lingua sabendo que ao non ter os textos en holandés chegaríamos a menos clientes, pero non nos arrepentimos. Saímos gañando pola aceptación que temos no mercado estatal.

CASIÁN GARCÍA (director xerente de Celtic Stores)

Por que tomaron esta decisión?

O galego é a nosa lingua de comunicación e o natural era falarmos nela. Vivimos nunha contradición. O galego é idioma cooficial recoñecido polo Estado e deberían existir unhas regras de xogo equilibradas, nas que o uso do galego non supuxera problemas.

Animaría a outros xerentes a dar o paso cara á nosa lingua?

Si. Temos que ser conscientes de que o problema non é o idioma, senón a calidade, que é o que vai limitar o mercado do produto. A calidade, o valor engadido, o deseño e acabado final é o que vai poñer límites ao produto no mercado, non o idioma no que se presente.

Ten vantaxes etiquetar en galego?

Penso que si. É indubidábel que sectores como o do viño apostaron polo galego e obtiveron un importante éxito. A imaxe que Galiza ten fóra é moi positiva: o galego ten un importante crédito como persoa seria e responsábel e presentar os nosos produtos en galego é o natural.

XOSÉ L. LAMAZARES (coordinador de Daveiga)

Por que tomaron esta decisión?

Forma parte da filosofía da empresa de defensa do local dende o punto de vista económico e cultural. Na nosa comunicación o galego sempre está presente, tamén no noso blog e na nosa web. Os nosos correos comerciais, as tarifas e o catálogo están editados en galego e castelán e utilizamolos dependendo da orixe do cliente. O noso mercado é sobre todo peninsular e o galego, o portugués e o castelán son os idiomas que máis usamos no noso día a día.

Utilizar o galego a nivel empresarial ten vantaxes?

Dende o punto de vista económico non teño datos que revelen que á empresa lle prexudica vender en galego. Inconvenientes tampouco os vexo. Non hai escusa nin inconvenientes para non etiquetar en galego. Nós pensamos que coa nosa lingua fidelizamos os nosos consumidores.

Animaría a outros empresarios a usar o galego?

Si. O galego é unha maneira de identificar o produto con Galiza e de presentarse no mercado exterior con identidade e personalidade. E a lingua é unha das ferramentas que mellor transmite eses aspectos.

AMARO GARCÍA (socio de Repara Lar)

A súa é unha empresa de recente creación. Por que apostou polo galego?

O galego está en desuso e o Goberno non aposta polo seu fomento no ámbito cotián e no funcionamento interno das empresas. Cando os meus dous socios máis eu creamos esta empresa pensamos en poñerlle o nome e facer toda a súa publicidade, rotulación, facturas e tarxetas de visita na nosa lingua para diferenciarnos. Non había ningunha empresa da competencia que se presentase ao público en galego e nós optamos por facelo para que a xente nos recoñecese mellor.

Animaría a outros emprendedores a ofertarse en galego?

Si. Debería haber máis empresas falando en galego. En Catalunya, por exemplo, o uso do catalán no comercio e na empresa ten outro peso loxístico que nós non temos en Galiza. Faría falta un pouco máis de esforzo e incentivos por parte da Administración para que o galego se normalice nestes eidos, para que polo menos se dea o bilingüismo entre o galego e castelán.

XOSÉ LOIS VILAR (xerente de Fruitas Vilar)

Por que tomou esta decisión?

Non ten explicación. É algo natural. Chámome Xosé Lois Vilar Pedreira e sempre falei en galego. O anormal é o que vivimos. Son galegofalante de toda a vida, e, aínda que poida sorprender, estudei a EXB facendo os exames en galego e falando a miña lingua… Son consciente de que en 1986 esta decisión chocou pero ao mellor, dada a situación na que nos atopamos, estraña máis agora que unha empresa decida venderse en galego que daquela.

Que dificultades tivo para galeguizar Fruitas Vilar?

Cando en 1992 quixemos facer a escritura da sociedade en galego todo eran problemas e tiven que ir a Lalín a escriturar. Para o corpo notarial e de avogados pedir que a túa documentación se escriba na túa lingua é un problemón… Está claro que a desigualdade idiomática é unha realidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vivo no mundo para achegarse a tod@s

Unha pequena grande iniciativa abre novas portas ao galego, neste caso en forma de guía básica para os e as triatletas que van participar na Copa de Europa do 12 de xuño en Pontevedra. Nela explícase en 18 idiomas o que é a lingua galega e convídase a usala aproveitando a visita, para o que facilita frases esenciais en distintas áreas, acompañadas da tradución ao inglés e mais de audio.

Accesíbel desde o móbil e desde os novos dispositivos de acceso á internet, como é o caso do ipad, pode ser unha recomendación excelente para quen veña visitar o noso país e queira coñecer algo máis cás praias.

Súmase a ferramentas como o Dicionario visual interactivo trilingüe ou as guías Falamos en galego, inglés e francés, unha e dúas. Para este achegamento, tamén ten moito interese a nosa importante presenza en Forvo, o espazo na rede con máis palabras e expresións pronunciadas por xente nativa. Desde Forvo accedemos ao audio de miles de termos en múltiples linguas (curiosamente, o portugués é a máis representada), coa súa correspondente tradución en inglés. E podemos nós engadir formas e gravacións. Xunto con atractivos materiais á venda (tamén con mostras libres!) para learn galician, estes recursos deixan atrás aquelas rudimentarias basic guides.

Mais, a mellor maneira de aprender un idioma é interactuando na realidade. Para a virtual, temos por exemplo os centos de Galician Language Partners en MyLanguageExchange ou os de ConversationExchange. Nos outros casos, somos nós os mellores materiais de axuda. Falándolles galego con xeito, agasallámolos coa mellor aprendizaxe. Exemplos de estranxeiros que falan galego que dá gusto hainos abondos, como xa recollemos n’A Tabarra. Dous novos e significativos exemplos:

E cando os que veñen de fóra fican a vivir en Galiza, aínda con máis razón. Unha mostra próxima a nós: Claudia, uruguaia da Pobra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Intercambio Máis Nós

A pesar da nosa accidentada participación final, o intercambio con outros cinco IES preparada desde a rede ning Máis Nós foi unha experiencia única. Uso constante do galego nos diferentes espazos dunha rede social educativa, creacións persoais e grupais, concursos, partilla de música, fotos e vídeos… e novas amizades.

É unha pena que agora a plataforma Ning peche a súa opción de balde. Precisamente por iso, recollemos algunhas producións, así como imaxes do encontro físico en Ourense nesta páxina específica.

Tamén é unha mágoa que neste país, os mesmos que colaboraron nos actos de Ourense sexan os que nos impediron contar con orzamento suficiente para a viaxe. E que a tele local nin sequera empregue o galego para informar de iniciativas coma esta.

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘Todos vós sodes capitáns’, de Oliver Laxe, premio da Crítica en Cannes.

A longametraxe Todos vós sodes capitáns, do cineasta galego Oliver Laxe, recibiu o premio da Federación Internacional da Crítica de Cinema, dentro da sección da quincena de realizadores do festival de Cannes.

Laxe, nacido en París en 1982 e fillo de emigrantes galegos, xa dirixira diferentes pezas con notábel éxito, como a curta ‘As chemineas decidiron escapar’ ou os documentais ‘Soa a trompeta, agora vexo outra cara’ e ‘París#1′. Preguntado sobre os seus proxectos futuros, Oliver Laxe apunta a Galiza e asegura que xa ten un filme na cabeza. Afirma que pensa en moverse cara ao sur de Marrocos, cara ao deserto, e adianta que o seu próximo traballo terá unha primeira parte que se rodará integramente en terras galegas.

Nun comunicado, a Xunta destacou que, «por primeira vez», unha produción galega resultou seleccionada nesta categoría, que só foron elixidos 24 de máis de 2.000 traballos e que nas últimas edicións non houbo ningunha película española presente no certame.

De A Nosa Terra e Vieiros (mais pódese ver a nova en todos os xornais do Estado). Máis información en Imos indo.

Velaquí unha máis que interesante entrevista a Oliver Laxe en Planeta Cine, do 2009:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un pouco de cordura sobre a lingua na TVG

2 Comentarios Filed Under: diálogos

Non todo é reprodución tendenciosa da falsidade e información nesgada (compárese co seguimento partidista da terxiversación da realidade) na TVG a respecto do sinal que lle dá sentido, a lingua galega. Como boa parte dos medios, contribuíu e contribúe a difundir as burdas mentiras da imposición, utilidades limitadas, preferencias libres, etc. sobre a lingua. Mais, a cordura cóase necesariamente.

Henrique Monteagudo, Belén Regueira e Marta Dacosta:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Chuzame! A Facebook A Twitter

Historias lingüísticas dos neo e paleofalantes!

Un vídeo de proveito e divertido de EuFalo.tv, con Marta Noal e compañeir@s de Ciencias da Comunicación da USC

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rede social para compartir mapas e rutas

Ikimap é unha nova e moi interesante opción da web 2.0 para crear e compartir mapas. Creada por unha empresa galega, ofrece xa a opción en galego e máis posibilidades cá maioría dos sitios de partilla de mapas, como a incrustación de multimedia, a creación de canles ou o seguimento de amizades.

Podes ver en Vieiros unha interesante entrevista a un dos seus creadores.

Parabéns por esta iniciativa á compañía galega Sixtema!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Incumprindo a lexislación descaradamente

Segundo un estudo elaborado pola Universidade de Santiago e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), a competencia lingüística do alumnado ao finalizar a ESO en Galicia é maior en castelán ca en galego, sobre todo na escrita, cousa que contravén as indicacións lexislativas da LOE, entre outras. O estudo tamén conclúe que os estudantes que falan galego habitualmente teñen mellor dominio que os castelanfalantes en ambas as linguas cooficiais. Os resultados globais:

Porén, os responsábeis políticos -que presentan (deforman) esta realidade indicando que A competencia oral e escrita do alumnado é semellante en galego e en castelán- o que fan é:

  • artellar un decreto regresivo a prol do monolingüismo en castelán
  • e reducir as posibilidades dos Equipos de Normalización que traballan para o desenvolvemento competencial de maneira integrada nos centros de ensino. No noso caso, o intercambio planificado periga, tras meses de labor intenso e frutífero na rede en coordinación con seis centros máis do país, porque a redución da axuda económica foi tal e sóubose a tal altura que é case imposíbel asumir os gastos.

Agora ben, a Secretaría Xeral de Política Lingüística atrévese a dicir na presentación do estudo: é necesario impulsar medidas que aseguren o contacto da poboación máis nova co galego e que redunden na mellora da competencia nesta lingua. Lingua e humor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crea a túa propia rede social en galego

O ENDL do IES da Pobra do Caramiñal pon a disposición de todo o mundo a tradución que vén de realizar da plataforma de creación de redes sociais Wackwall. Este servizo aínda está nos seus comezos, pero xa ofrece interesantes posibilidades. É social, de balde, sen publicidade e ten en desenvolvemento funcionalidades como a creación de grupos e eventos ou o aloxamento de arquivos. Confiamos en que tales condicións se manteñan, aínda que na rede nada é seguro. De feito, esta iniciativa parte do anuncio feito por Ning -onde abrimos varias redes educativas- de que deixa de ser gratuíto.

Tras traducir as 1.200 cadeas, aproximadamente, puxémonos en contacto coa plataforma para solicitar a inclusión do galego entre as (primeiras) linguas que se ofrezan como activábeis na administración de calquera sitio web aberto en Wackwall. Entregámoslle o arquivo e agardamos que esta opción non tarde en ser incorporada.

Mentres, para ter a túa rede en galego, sigue estes pasos:

  1. Descarga a versión en galego aquí (.ZIP), descomprímea e gárdaa nunha carpeta do teu computador.
  2. Entra na Administración (Admin) do teu sitio Wackwall e, despois de xestionar os plugins que che interesen, accede a Linguas (Languages) e preme en Linguas dispoñíbeis (Available Languages).
  3. Unha vez aí, clica en clonar o Inglés (CLONE); abrirase unha ventá que solicita o nome da lingua (pon Galego) e o ISO tag (pon gl-GZ). Terás o galego como lingua inactiva. Pois agora activa o Galego e desactiva o Inglés.
  4. Se tes a copia que chamaches Galego activa, elimina o Inglés (é importante facer isto).
  5. Engade abaixo os ficheiros .XML que descargaches, un a un (polo de agora non acepta o .ZIP), marcando as casiñas correspondentes e seguindo de cada vez o proceso que se indica. Xa terás o teu sitio galeguizado.

Cando se incorporen novas funcionalidades, actualizaremos este arquivo.

En relación con iso,unha das eivas actuais de Wackwall é carecer de editor, aínda que as caixas de texto admiten HTML. Xustamente, estamos a elaborar unha guía cos elementos da linguaxe HTML máis necesarios e empregados, que tamén pode ser útil para revisar anotacións de blogue e outros espazos de publicación na rede. Achegarase aquí en breve.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Algunhas actuacións do concertazo de Queremos Galego

Grazas ás gravacións dalgunhas das miles de persoas que asistiron ao concerto a prol da lingua e contra o decretazo, celebrado este 17 de abril en Pontevedra, podemos gozar, dobremente se alí estivemos, do ambiente e da música dalgúns dos grupos que interviron.

Máis, en Vieiros.

Vídeos tomados de xensboy, pixelin2 e queremos2010

Fai a túa lista en embedr.com
Chuzame! A Facebook A Twitter

O saudábel vicio de falar galego

MANUELA RODRÍGUEZ PUMAR, en Terra e tempo

Fun galego-falante pasiva vinte anos da miña vida. En realidade eu pensaba que era español-falante, pero non. Logo convertinme en galego-falante activa. E durante un tempo estiven convencida de que o meu cambio de rexistro fora debido ao contacto coas clases de lingua e literatura galegas no bacharelato e con docentes e compañeiros/as que xa o fixeran (as malas influencias, xa se sabe), pero tampouco.

Realmente eu sempre fun galego-falante, tamén nos anos da infancia. Porque o galego flotaba no ambiente da miña parroquia, respirábase como o fume de tabaco. Exhalábano os meus pais, a pesar de sentírense na obriga, tantos anos imposta, de “falarme ben” con palabras alleas, exhalábano os meus irmáns, os meus veciños, as miñas amigas.

A partir de aí, confésoo, collín o vicio de falar galego. E fágoo sempre e a todas horas, mesmo en espazos que non sempre están habilitados para iso aínda que non haxa carteis que o prohiban: no centro de saúde, nas oficinas bancarias, nas administracións públicas.

Fáloo desde logo na casa, e aos meus fillos xa lles metín tamén o vicio no corpo. E non sen dificultades porque, ademais de que tamén a min me dixeron aquilo de “fálalle ben á nena!”, teño agora o engadido de vivir nun ambiente cada vez menos “contaminado” da nosa lingua. E non é doado ter que loitar ademais contra a influencia dunha televisión con escasa oferta en galego, coa práctica inexistencia de cine, videoxogos e maquiniñas no noso idioma…

E se xa antes nos era difícil aos vicios@s desta lingua poder desenvolver a nosa vida practicándoa, desde hai un ano para aquí os gobernantes da nosa terra, pertencentes á liga anti-galego e para os que falar galego é un vicio socialmente mal visto, erixíndose en protectores dunha falsa saúde lingüística e a pesar dos informes das máis prestixiosas entidades e dos numerosos estudos de persoas expertas na materia, tanto do noso país como estranxeiras, que avalan os beneficios que ten, están empeñados en reducir aínda máis os espazos en que se pode falar galego.

Por iso eu, ademais de ser galego-falante activa, son activista, militante da lingua. Porque, cousa do vicio, quero cada vez máis galego. E quero que, coma min, cada vez máis xente se enganche, teña “mono” da miña lingua, que cada vez máis xente non poida vivir sen ela, e que o aire volva ser un día unha nube mesta de palabras nosas.

E como xa se sabe que os vicios non se impoñen, senón que é cuestión de ir probando, pouco a pouco, até que xa non podes prescindir da túa dose diaria, eu dedícome a convidar @s que aínda non o fixeron a que proben, garantíndolles que, malia o que aseguren as falsas autoridades, falar galego non mata, ben ao contrario, alonga e prolonga a vida, a nosa propia e a do noso pobo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A lingua para manipular a lingua

Os medios deron a coñecer hoxe esta nova de xeito ben unánime:
O máximo órgano de participación na educación do país (o Consello Escolar) desbota o borrador do decreto con 24 votos a favor de rexeitalo e 16 en contra. Destes 16 votos, 6 eran de representantes da propia consellaría, 2 eran alcaldes do PP, 2 da Confederación de Empresarios, titulares de centros privados e concertados, 2 representantes nomeados directamente pola consellaría e 2 da CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado).

Velaquí:

O Consello Escolar rexeita o Decreto do galego

(A Nosa Terra)

O Consello Escolar emenda á totalidade o decreto do galego

(Xornal .com)

O Consello Escolar rexeita o «decretazo»

(Vieiros)

O Consello Escolar rexeita o anteproxecto de decreto do galego

(Galicia Hoxe)

O Consello Escolar de Galicia rexeita o decreto do plurilingüismo

(LV de luns a venres)

O Consello Escolar de Galicia rexeita o borrador do decreto

(La Voz de Galicia)

Mais, a administración educativa publica:

A consellería de Educación recollerá novas propostas feitas polo consello escolar no proxecto de decreto do plurilingüismo
Familias, sindicatos, persoal da administración e empresarios rexeitaron a retirada do texto proposta no pleno realizado hoxe polo órgano consultivo

E o seu representante, o Secretario Xeral de Política Lingüística, fala de división e maioría pequena (!)

Máis evidencias da burda campaña de mentiras contra a lingua que desenvolven quen están obrigados a fomentala. Fronte a iso, a información rigorosamente pedagóxica da Coordinadora de ENDLs.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp